Hoxe toca falar da primeira
sesión da asignatura pola que xurdiu este Blog: Didáctica da ensinanza das
linguas estranxeiras. O pasado mércores tratamos os seguintes temas na aula: os
distintos tipos de linguas segundo o contexto de adquisición e o contexto de
uso, o repertorio lingüístico, introducimos a didáctica das linguas
estranxeiras, debatemos sobre algúns métodos de avaliación que nos propuxo o
profesor e, debido á actividade que consiste na creación deste Blog, tamén
debatemos bastante sobre o uso das TIC na ensinanza.
Nesta entrada publicarei, por se vos son de utilidade, algúns esquemas elaborados tras ler o que fun anotando durante a explicación e ,tras cada un deles, comentarei as reflexións xurdidas deses aspectos da explicación.
Ao comezo da explicación Carlos falounos dunha primeira tipoloxía de linguas: lingua incial, lingua segunda e lingua estranxeira. Entre as dúas primeiras e a terceira non hai confusión, para min o problema veu á hora de deducir cal sería a miña lingua segunda ou se teño ou non lingua segunda. Quedoume claro que a miña lingua inicial é o galego, xa que é a lingua do meu entorno familiar, pero en canto ao castelán xa non o teño tan claro, porque non podo dicir que fose unha lingua do meu ambiente familiar aínda que creo que tamén a aprendín incoscientemente, de forma involuntaria e sen unha intención concreta. Se fose quen de lembrarme de se ao comezar a escola entendía e sabía falar castelán, xa non tería ese problema; se sí que aprendera xa o castelán trataríase doutra lingua inicial, porén, se foi na escola onde o aprendín sería a miña lingua segunda. Non sei se a algún de vós tamén vos xurdiu algunha dúbida parecida.
En canto á lingua estranxeira, teño tamén claro que as miñas son o inglés e o francés.
Outra tipoloxía de linguas que nos
explicou nesta sesión foi aquela na que se diferencian polo contexto de uso.
Así temos a lingua habitual, a lingua de traballo e a lingua vehicular.
En canto á problemática que se formula na definición de lingua habitual, pódese pensar que sempre é a mesma que a inicial; por exemplo, no meu caso iso cúmprese. Porén, se pensamos nun galego que marchou vivir a Francia, temos que a súa lingua inicial sería ou ben o galego ou ben o castelán, pero a súa lingua habitual en Francia non sería ningunha desas dúas, senón que tería que ser o francés.
Nesta tipoloxía tamén pode haber confusión entre a lingua de traballo e a lingua vehicular, ou ben pódese asociar a lingua de traballo á lingua oficial. A lingua de traballo e a vehicular, segundo o que eu entendín na explicación, diferéncianse sobre todo polo contexto. Por exemplo, se dous galegos traballan nunha empresa en Madrid, a súa lingua de traballo será o castelán, pero se nalgún momento teñen que realizar unha reunión entre os dous e ambos se senten máis cómodos en galego poderán acordar que esta sexa a súa lingua vehicular. Ademais, a lingua vehicular non é só aplicable a un entorno de traballo, senón que tamén se pode dar nunha corversación informal en calquera contexto no que coincidan varias persoas. Un exemplo disto último sería unha reunión nun bar en calquera vila de España entre amigos no que un deles lles quere presentar un amigo inglés ao resto; neste caso poden acordar, se todos entenden máis ou menos o inglés e o rapaz inglés non ten nin idea de castelán, falar en inglés para así poderse entender entre todos. En canto á difencia entre lingua oficial e lingua de traballo, decidín apuntar no esquema o exemplo que nos explicou Carlos da Unión Europea, no que creo que queda ben refrexada a diferencia.
Da explicación do repertorio
lingüístico, dicir que me serviu para darme conta de que non só forman o noso repertorio lingüístico as
linguas que dominamos, senón que, como se ve no esquema, tamén está formado por
palabras soltas ou mesmo fonemas que son o único que coñecemos doutras linguas.
Máis complexos parecéronme os conceptos de comunidade lingüística e de comunidade de lingua. Foi o seguinte exemplo o que me axudou a diferencialas correctamente: unha
persoa que nace e vive en Galicia e domina e emprega indistintamente tanto o
galego como castelán pertencerá á comunidade de lingua galega, á comunidade de
lingua castelá, á comunidade lingüística galega e á comunidade lingüística das
persoas españolas que só coñecen e falan o castelán.
A vós foivos útil tamén o exemplo, ou ocurríusevos algún outro no que quede máis claro?
O último apartado da explicación foi aquel adicado á introdución da didáctica das linguas estranxeiras, onde vimos os seus principais obxectivos e a clasificación da didáctica das linguas, para a que teñen moita importancia as tipoloxías de linguas explicadas antes, sobre todo o referente ao contexto de adquisición. Así diferénciase entre didáctica da lingua inicial, didáctica da lingua segunda e didáctica da lingua estranxeira, tamén coñecemos dúas subramas deste último tipo (o que máis no interesa a nós) que son a Aprendizaxe integrada de contidos e linguas estranxeiras e as Linguas estranxeiras para fins específicos. Ademais, chegamos á conclusión de que en Galicia, a pesar de que a maioría da poboación conta cunha lingua de cada tipo, só se emprega a didáctica da lingua inicial e a didáctica da lingua estranxeira, ensinando, na maioría dos casos, a lingua segunda, coa didáctica correspondente á lingua inicial.
Quédanme por comentar os debates xurdidos o mércores sobre as TIC na aula e sobre algúns métodos de avaliación, pero gustaríame tratar estes temas de forma máis persoal noutra entrada, neste caso, da biografía.
Espero que vos parecese interesante esta análise da primeira sesión de Didáctica da ensinaza das linguas estranxeiras e espero a vosa opinión sobre calquera cuestión que vos pareza relevante comentar. Ata a próxima!
Ningún comentario:
Publicar un comentario