mércores, 19 de novembro de 2014

Debatendo se aprende

Good morning!
Bonjour!
¡Buenos días!
Bos días!


Hoxe toca reflexionar sobre os dous temas que causaron máis debate na sesión do pasado mércores: a avaliación entre iguais e as TIC na aula.
Para poder reflexionar sobre o tema da avaliación entre iguais creo que pode ser de utilidade definir primeiro ese termo e outros dous relacionados cos que se poden dar confusións:

- Avaliación entre iguais (Peer assessment): Proceso mediante o que os alumnos realizan unha análise e valoración sobre as actuacións e/ou producións levadas a cabo por outro alumno ou grupo do seu mesmo nivel.
- Autoavaliación (Self-assessment): Proceso mediante o que os alumnos realizan unha análise e valoración das súas actuacións e/ou as súas producións.
- Coavaliación (Co-assessment): Proceso mediante o que docentes e alumnos realizan unha análise e valoración de forma colaborativa, conxunta e consensuada sobre as actuacións e/ou producións dos alumnos.

Durante a sesión Carlos comentounos que noutras clases que impartía, o seu métedo de avaliación era a avaliación entre iguais e que niso baseaba a totalidade da nota final dos seus alumnos. A algunhas de nós isto pareceunos algo arriscado para levalo á práctica na ESO, xa que pode dar lugar á corrupción das notas por amiguismos ou por todo o contrario, e tamén pensabamos que ninguén ía suspender a un compañeiro seu. 

El explicounos que obtiña moi bos resultados e que, aínda que algunhas veces si que os alumnos comezaban facendo o que nós nos temíamos, despois de obter as primeiras notas era como se o método se autorregulase; é dicir, sempre vai haber alguén cunha nota máis baixa co resto, entón esa persoa para a seguinte vez será máis estrita corrixindo, ao obter as seguintes notas iso pasará con outra persoa e así todos irán tomando conciencia de que deben cinguirse aos criterios de avaliación e aplicalos de forma obxectiva.

A súa explicación convenceume, pero non ao 100%. Sigo pensando que na ESO é demasiado arriscado aplicar ese método e que a totalidade da nota final do alumnado se basee nunha avaliación feita polos seus compañeiros, pero si que me parece moi interesante para aplicar nesta etapa a coavaliación ou ben unha «avaliación mixta» na que un tanto por cento da nota se obteña de tarefas ou exercicios que se avalíen co método de avaliación entre iguais e a porcentaxe restante proveña de tarefas ou exercicos avaliados polo profesor. Calquera destas dúas opcións sería unha forma de preparar aos alumnos para a aplicación da avalición entre iguais xa por completo, método que creo que si que sería factible na etapa universitaria, como ben demostrou Carlos.



En canto á utilización das TIC na aula, comezamos a falar do tema pola actividade que temos que levar a cabo durante estas catro semanas, que é esta mesma, a de crear un Blog e ir publicando cada semana entradas relacionadas co que tratemos na clase. Para empezar, esta tarefa xa deu moito que falar, porque a maioría de nós non entendía moi ben o que había que facer, tamén había medo xa que eran poucas as que tiñan experiencia previa con isto dos Blogs,... pero o debate en sí xurdiu cando Carlos comentou que lle parecía interesante tamén estar conectados por Facebook para poder mirar en calquera momento cousas de clase, comentar ou ler o que poñen os nosos compañeiros mentres esperamos o bus, etc. Isto, a algunhas de nós pareceunos demasiado, xa que implica reducir os momentos de desconexión ou facelos máis difíciles. A min persoalmente non me parece mal a idea de empregar o Facebook para cousas de clase, pero porque non son unha persoa que pase todo o día nas redes socias, e eu non asocio desconectar con entrar no Facebook; pero hai moita xente que si que emprega as redes socias nos seus momentos de lecer ou de descanso entón sería unha forma de introducir incluso neses momentos información sobre a clase, o que pode chegar a agobiar ou colapsar. 

Por outra banda, tamén penso que coas tecnoloxías pódese caer en investir demasiado tempo na forma e que o contido quede algo descoidado, sobre todo ao principio; por exemplo, eu a semana pasada houbo un momento no que me sentín bastante agobiada porque pasara moito tempo co Blog e aínda así so tiña feito o deseño, non puxera ningunha entrada, e o que pasaba pola miña cabeza era que en realidade non fixera nada que fose servir para aprender os contidos da materia ou que servise para a miña avaliación. 

Con todo o anterior non quero dicir que estea en contra das TIC na clase. De feito, estou a favor de que se utilicen porque amplían moito o abano de exercicos ou actividades que levar a cabo, son unha gran fonte de recursos e unha das cousas máis importantes, son moi motivadoras para os adolescentes; pero o que si que creo é que tampouco se debe basear unha mateira por completo nas TIC porque os alumnos xa as van ter moi presentes nas súas vidas e igual tamén é interesante que mentres están na clase traballen ademais con outros elementos máis tradicionais que igual hoxe en día xa están desaparecendo da súa rutina como o libros e dicionarios en papel, o papel e o lápis, ...

Aquí vos deixo a miña opinión. Non sei se estades de acordo nalgunhas cousas ou se pensades xusto o contrario... Agradécese calquera comentario que vos pareza oportuno. 

Ata a tarde!


Ningún comentario:

Publicar un comentario