martes, 23 de decembro de 2014

Os artigos sobre a destreza da produción escrita e algo máis

Ola a tod@s!
Salut à tous!
Hi everyone!
¡Hola a tod@s!


Hoxe vou falar da segunda sesión que tivemos con Gonzalo fai xusto unha semana. Nesta sesión, tres das nosas compañeiras expuxeron tres artículos relacionados coa destreza da escritura nas clases de lingua estranxeira. A primeira delas foi sobre o uso de Facebook na clase (Alejandra Alonso), a segunda sobre unha nova forma de ensinar a escribir que consistía en que os alumnos primeiro saiban o que está mal para logo chegar ao que está ben (Aida Alonso) e a última exposición trataba sobre o feedback (Cristina Caramés). 


Esta última presentación derivou nun debate sobre a avaliación no que me quedei sen dar a miña opinión, xa que se tivo que interromper porque se estaba desviando do que era o tema da sesión. A opinión que me gustaría ter compartido con vós nese debate é a seguinte:

Unha compañeira comentaba que non lle parecía  de todo xusto que unha alumna que estivo seis anos aprendendo francés na escola de idiomas antes do primeiro ano de francés no instituto leve unha cualificación máis baixa que persoas que comezan a aprender o idioma nese curso. Pois ben, eu penso o contrario ca esa compañeira, xa que o feito de que ese/a alumno/a con coñecementos previos do idioma teña unha nota inferior á doutro/a que parte de cero demostra que o/a profesor/a realmente avaliou o proceso de aprendizaxe e non se baseou só nunha proba final ou no resultado final. Ademais véxolle as seguintes desvantaxes ao punto de vista da compañeira, segundo o cal un alumno ou alumna que ten coñecementos previos do idioma superiores á media da clase por ir a unha escola de idiomas ou por calquera outro motivo deberá sempre sacar máis nota que o resto que non tiveron contacto ata ese curso co idioma:

- non todas as familias teñen a posibilidade ou os medios para que os seus fillos poidan acceder a cursos de linguas extraescolares ou escolas de idiomas, polo que sería unha forma de descriminación dende o meu punto de vista

- estaríamos empregando un sistema de avaliación, en certo modo, baseado no resultado duns coñecementos finais ou nunha proba final e non no proceso de aprendizaxe, aspecto no que tanto se nos insistiu neste máster; vai ser moi raro que un alumno que ten a primeria toma de contacto co idioma, chegue en nove meses ao mesmo nivel que outro que xa leva anos estudiando o idioma, porén, este pode terse esforzado máis ou mesmo ter aprendido máis neses nove meses que o alumno que o alumno que parte con maoires coñecementos previos, e iso debería ser recompensado

-e, non estaríamos promovendo unha aprendizaxe significativa, xa que non teríamos en conta os coñecementos previos dos nosos alumnos.


Estaría encantada, se queredes, de que continuase o debate nesta entrada se vós tamén quedástedes con ganas de seguir tratando do tema.

A continuación, centrándome xa nos temas da clase, comentarei as reflexións ás que me levaron as tres exposicións que introducín ao principio da entrada.




O primeiro artigo exposto consistía nun estudo de campo no que se empregaba Facebook como unha rede educativa tratando de que os alumnos traballasen de forma colaborativa e utilizando a coavaliación como método de avaliación. Tras a exposición do artigo que fixo a nosa compañeira Alejandra, cheguei á conclusión de que a utilización de Facebook como unha rede educativa coa que complementar o día a día da clase pode ser unha moi boa forma de motivar aos alumnos e de facilitar a colaboración entre eles; pero débense ter bastantes factores en conta á hora de utilizar este recurso e non sempre vai ser posible, xa que dependerá da idade, de se os pais ou titores dan o seu consentimento ou non, do contexto do centro (situación económica, social, xeográfica, ...), ...



Na segunda exposición, Aida falounos doutra forma de ensinar a escribir ben. No artigo sobre o que nos falou propúñanse varias actividades para que os alumnos adquiran a destreza da produción escrita baseándose todas na seguinte cita de Geral Grow «Escribir mal a propósito puede ser una forma muy efectiva para escribir mejor». Tras a exposición de Aida, cheguei á conclusión de que para que este enfoque, que consiste en que os alumnos primeiro fagan unha redacción mal a propósito para logo aprender dos erros cometidos, funcione deberemos ser moi claros coas «regras a romper», é dicir, cos aspectos nos que se deberán esforzar en cometer os erros para despois aprender; a fase máis importante é a de posta en común dos erros, porque é na que se concienciarán do que é incorrecto para logo chegar ao correcto ou afianzalo; deberá ser unha actividade lixeira e divertida que se utilice de forma esporádica (dende o meu punto de vista non é unha metodoloxía que sexa eficaz para aplicar durante todo o curso); tamén se deberá estruturar ben a actividade para que funcione e é importante ao final remarcar o correcto, para que non se xeren confusións.


A última das exposicións foi a de Cristina, na que nos falou dun artigo que contrapuña distintos tipos de feedback. A principal conclusión á que cheguei tras a explicación da nosa compañeira foi que a mellor solución é, case sempre, unha mestura entre os dous tipos de feedback opostos; así, non é recomendable dar un feedback únicamente baseado no contido, nin só baseado na superficie; un feedback só directivo pode causar medo ou rexeitamento nos alumnos, pero un feedback só facilitativo corre o risco de que non o tomen en serio; tamén se deberán intercalar os feedback positivo e negativo e deberase encontrar o equilibrio entre o feedback xeral e o específico. En canto á cantidade de feedback, esta nunca deberá ser superior ao texto escrito polo alumno. 
Unha proposta, relacionada con esta tema, que xurdiu na calse e que me pareceu moi interesante foi a de ter sempre a man, cando vaimos redactar os distintos feedbacks para os nosos alumnos, unha folla de feedback na que teñamos apuntados todos os aspectos que debemos comentar e os excesos ou defectos nos que temos tendencia a caer pero que deberemos evitar.

Como se está facendo algo longa esta entrada e non quero resultar moi cargante, dedicareille outra entrada completa á explicación que nos fixo Gonzalo sobre a destreza da compresión oral.

ç

Ata a próxima! :)


Ningún comentario:

Publicar un comentario