mércores, 21 de xaneiro de 2015

Como mellorar o ensino da comprensión oral?

Bo día a tod@s!

Nesta entrada falareivos das miñas reflexións e do que me pareceu máis interesante do «Tema 8: O ensino da comprensión oral».




Na clase, tras unha posta en común das nosas experiencias relacionadas con esta destreza, chegamos á conclusión de que hoxe en día a forma de ensinar a comprensión oral non é efectiva, xa que non se comproba que os alumnos realmente entendan o que escoitan. Un dos principais problemas é que as actividades relacionadas coa dita destreza céntranse demasiado en ler e escribir, xa que soe adestrarse a través de preguntas e respostas sobre audicións que os alumnos escoitaron. Ademais, non se lle ensina ao alumno como escoitar, e prémiase que responda ben as preguntas, o que non asegura, necesariamente, que realizase ben o proceso de escoita ou que entendese ben a mensaxe na lingua meta. Como na maioría dos casos, a metodoloxía que se está a empregar para adestrar a comprensión oral, tamén é unha metodoloxía centrada no profesor, que é quen establece as preguntas, as respostas correctas, que parte da audición se debe volver escoitar...Tras reflexionar sobre todo o anterior deducimos que a consecuencia de aplicar a dita metodoloxía é que os alumnos acadan un bo nivel de comprensión oral na aula, pero que non se ben capacitados para as demandas do mundo real.

Gonzalo, propúxonos unha opción diferente á actual pero que causou bastante controversia na clase, xa que a maioría de nós non estábamos de acordo porque a víamos demasiado repetitiva, ou non visualizábamos a súa aplicación nas aulas, considerábamola algo desmotivadora para os alumnos, polo motivo anterior e, debido a esa desmotivación e repetición, non acabamos de crer no seu éxito. 

Dende o meu punto de vista, si que é importante, para que os alumnos aprendan a escoitar e a entender o que escoitan, que practiquen moito esta destreza, pero non con ata cinco audicións dun mesmo texto, xa que creo que iso pode causar que os alumnos desconecten. Paréceme máis acertado expoñelos a moitos texto reais pero cada un deles ata o momento no que se detecte que de verdade o entenden, que a veces serán dúas audicións, a veces cinco, sempre estando pendentes tamén de que os alumnos non perdan a motivación, xa que nese momento, eu creo que o texto deixará de funcionar. 
O que si que vexo acertado da opción que nos propuxo Gonzalo é o feito de que se lles proporcionan aos alumnos estratexias para entender o que escoitan, como por exemplo o feito de escribir as palabras que descoñecen para despois poder solucionar as súas dúbidas. Tamén me parece moi interesante que lles propoñamos acadar a comprensión debatendo cos compañeiros, xa que é unha forma de aumentar a motivación, facerlles traballar de forma cooperativa, e todas as vantaxes que estes dous aspectos conlevan.

En canto ás exposicións sobre este tema das nosas compañeiras Isabel, Eva e Ana, destacarei da primeira (Listening in a Multilingual World: The Challenges of Second Language Listening) que nos fixo reflexionar sobre as dificultades coas que se pode atopar o noso alumnado á hora de aprender a escoitar na L2 e as distintas estratexias que lles podemos propor para superalas.





Ao final desa primeira exposición chegamos á conclusión de que os principais impedimentos para esta labor pónnolos a propia natureza e que botando man das estratexias adecuadas calquera alumno, a calquera nivel, pode acadar o éxito na aprendizaxe desta destreza da L2. 

Por outra banda, Eva e Ana, faláronnos, respectivamente, dos diarios de escoita e das estratexias metacognitivas no listening. Ao final da última presentación, algunhas compañeiras apuntaron que sería moi interesante aplicar conxuntamente nas clases o que nos propoñen os artigos que expuxeron estas dúas compañeiras, e estou totalmente de acordo con  elas. 
A idea do diario de escoita paréceme xa unha moi boa idea de por si soa, porque permitíndolles aos alumnos que elixan eles o que queren escoitar sempre van estar máis motivados e polo tanto aprender máis sen darse conta. Outro beneficio que lle atopo a esta actividade é que fomenta a autonomía dos alumnos, algo que creo moi importante para a aprendizaxe de linguas. E aínda podemos engadirlle máis beneficios a esta actividade se a acompañamos con sesións nas que lles proporcionamos aos nosos alumnos estratexias metacognivas para mellorar a súa escoita da L2; isto non se ten porque facer necesariamente de forma explícita, pódenselles introducir mediante prácticas e que despois reflexionen sobre o proceso que levaron a  ¡cabo e as estratexias que empregaron, o que tamén lles servirá de guía para saber como teñen que elaborar o seu diario de escoita. 
Para rematar xa con este Tema 8, e en relación co debate que xurdiu na clase de cando se debería avaliar esta actividade, eu son partidaria de (se se combina coa presentación de estratexias na aula) avaliala ao final dos trimestres, xa que así fomentamos máis esa autonomía (que vexan eles mesmos onde se equivocan e intenten mellorar aplicando o explicado na clase antes de que llelo digamos nós). 

Espero que tanto a explicación como as exposicións sobre o ensino da comprensión oral vos deran tanto que pensar coma min e que as opinións que aquí acabo de expoñer vos aportaran algo novo.

Ata o Tema 9!

Ningún comentario:

Publicar un comentario