domingo, 14 de decembro de 2014

Análise dunha programación didáctica

Bo día!

Como xa vos imaxinaredes, nesta entrada falareivos da programación didáctica que seleccionamos as miñas dúas compañeiras de grupo, Aida e Ana, e eu, para poder realizar a encomenda que nos propuxo Carlos. 



Aquí vos deixo as ligazóns ás entradas das miñas compañeiras de traballo sobre este tema, xa que tras realizar a análise e poñer en común as nosas reflexións e conclusións, cada unha decidiu redactar a entrada á súa maneira:



Primeiro, buscamos tres programacións didácticas que nos parecían interesantes para esta actividade, e decidimos quedarnos coa do instituto Alexandre Bóveda (se clicades no nome poderedes acceder a ela) por ser unha das que mellor estaba é a vez tiña tamén aspectos sobre os que poderíamos comentar e propoñer algunha mellora.



Trátase dunha programación didáctica bastante completa e innovadora, pensada dende un enfoque principalmente comunicativo, aínda que nalgúns aspectos se deixe ver a influencia de modelos de ensinanza máis antigos como o da gramática-tradución. 



Tamén observamos que deixa liberdade aos profesores para organizar as clases segundo os seus criterios, aínda que sempre establecendo unhas bases comúns para asegurar que exista a coordinación dentro do departamento; unha decisión acertada, dende o noso punto de vista, pola importancia da coordinación para o bo funcionamento do centro. Relacionado con esto último atopámoslle a pega de que non inclúe ningún resume das distintas unidades didácticas dos distintos cursos, algo que nos parece necesario debido á liberdade que lles deixa aos profesores, xa que así teríase unha idea máis concreta do que realmente se levará a cabo en cada curso. Otros apartados nos que peca de ser pouco concreta son o de recursos, o de procedementos e instrumentos de avaliación e o de criterios de planificación.

O último aspecto xeral que nos pareceu importante comentar é que, a pesar de que a estrutura en rasgos xerais está bastante ben organizada, nalgús apartados concretos, como, por exemplo, o de avaliación, pensamos que se podería mellor bastante, sobre todo para favorecer a claridade e facilitar a búsqueda de aspectos concretos.

A continuación inclúo a análise, máis detallada, que realizamos de cada apartado:

  1. Introdución e contextualización: no apartado introdutorio desta programación didáctica podemos ver claramente que as fontes didácticas que empregaron para realizala foron, por unha banda, o Proxecto Educativo de Centro (PEC) e, por outra, as diferentes normativas vixentes nas que esta se basea, tanto para a Educación Secundaria Obrigatoria como para o Bacharelato. Por outra banda, outro tipo de fonte que se empregou para elaborar esta programación foi a sociolóxica. A partir do PEC, extraeron as características do contorno socioeconómico no que está situado o centro.
    Ademais de presentar ao equipo do departamento de inglés do centro, tamén se nos presenta, de forma introdutoria, a incorporación dunha auxiliar de conversa que axudará aos diferentes grupos con prácticas de conversa.
    Consideramos que este apartado cumpre adecuadamente co que se esixe dunha introdución e contextualización dunha programación didáctica.

    2. Medidas de atención á diversidade: o que se espera deste apartado é que se explique, de maneira global, os diferentes recursos ou medidas que ten o centro para mellorar o proceso de ensino-aprendizaxe de aquel alumnado que presente unhas necesidades educativas especiais. En esta programación didáctica preséntanse unha serie de medidas para conseguir este obxectivo, entre elas, os cursos de diversificación, seccións bilingües, clases de reforzo e tamén contan con libros de texto que ofrecen actividades de ampliación cun nivel maior de dificultade.
    Consideramos que estas medidas atenden ás diferentes necesidades educativas do alumnado. O que non se especifica neste apartado é a adaptación de criterios de avaliación ou revisión de contidos, obxectivos e actividades.

    3. Metodoloxía didáctica: neste apartado o departamento opta por empregar un enfoque comunicativo, recomendado polo Marco Común Europeo de Referencia sobre as Linguas (MCERL). Ademais, explica que se decantan polo enfoque por tarefas. Con isto, temos claro que a fonte que empregaron para elaborar este apartado de Metodoloxía didáctica foi unha fonte de tipo epistemolóxico. Podemos ver que este departamento está ao tanto das novas orientacións e prácticas metodolóxicas na didáctica desta área. Os principios metodolóxicos deste departamento son a individualización, a autonomía, a cooperación, o énfase na comunicación ou o construtivismo, entre outros.
    Por tanto, consideramos que este departamento opta pola innovación, por estar “ao día” das novas prácticas metodolóxicas que, dende logo, favorecen o proceso de ensino-aprendizaxe.
    Unha pequena crítica sería que, baixo o noso punto de vista, neste apartado deberían incluirse os recursos que se van empregar. Porén, este departamento decidiu explicar en extensión os Recursos e materiais didácticos a parte. Como ben sabemos, non existe un modelo ríxido que se deba seguir, polo que tampouco nos parece un erro que os decidiran facer así, xa que está todo moi ben indicado no índice da segunda páxina.

    4. Recursos: Do apartado de recursos gústanos especialmente que se fai moito fincapé no feito de que o profesor poderá introducir as variacións de material que considere precisas, sen necesidade de cinguirse simplemente ao libro seleccionado como manual. Ademais de poder adaptar ou cambiar o enfoque das actividades do propio libro.
    Porén, estas variacións aparecen explicadas de forma moi xeral e dependendo sempre da busca persoal do profesor. En ningún momento aparecen nomeados neste apartado os recursos que o centro pode poñer á   súa disposición para mellorar o proceso de aprendizaxe como sala de ordenadores, pizarras        dixitais, casettes, proxectores, etc.
    Tampouco nos acaba de convencer a forma de presentación do libro seleccionado xa que non menciona por qué este é o máis axeitado ou un plan xeral de cómo utilizalo para sacar o máximo rendemento posible (plan que en calquera caso quedaría aberto a posibles cambios feitos polo   docente).

    4.1 TICS: O apartado de recursos vese completado, na nosa opinión, no adicado ó tratamento das novas tecnoloxías. É aquí onde a falta de recursos dixitais do centro aparece especificada: o seu número é moi limitado e polo tanto é difícil que todos os profesores poidan organizar actividades que traballen as TIC desde as instalacións do centro. Neste sentido, o tratamento das novas tecnoloxías depende principalmente do libro e os materias complementarias que aporta (unidades didácticas con vocabulario relacionado, CD-ROM, CD, webs propostas, etc) e do traballo que os alumnos fagan na súa casa ( uso do ordenador como ferramenta educativa para, por exemplo, buscar e seleccionar información ou redactar traballos).

    5. Competencias básicas: Esta programación dedícalle ás competencias básicas o apartado «2. Contribución do inglés ás CCBB». Nel defínense as competencias básicas, segundo o proxecto DeSeCo (Definición e selección de competencias), como aspectos non dependentes nin dunha materia nin dun ciclo, senón que cada unha das áreas contribúe ao desenvolvemento de diferentes competencias e cada competencia básica acádase co traballo en varias áreas ou materias, e enuméranse, segundo o  MCRFL (Marco Común de Referencia para as linguas) para despois analizar como se traballarán na materia de inglés, nese instituto, cada unha das oito competencias básicas previamente enumeradas.
    Dende o noso punto de vista, este apartado cumpre co que se espera del, xa que inclúe información suficiente sobre as competencias básicas e como se tratará cada unha delas a través da materia de inglés. Tamén se especifican as distintas fontes didácticas empregadas, como a normativa referente ás competencias, o proxecto DeSeCo e o MCRFL.

    6. Obxectivos: O terceiro apartado da programación é o adicado ós obxectivos. Atópase dividido en dous epígrafes: o primeiro para a ESO, e o segundo para Bacharelato. As fontes son principalmente didácticas, xa que os obxectivos veñen impostos pola normativa e lexislación vixente tanto a nivel nacional como autonómico.
    Gustaríanos destacar que neste apartado aparecen simplemente os obxectivos xerais de área, que na Comunidade Autónoma de Galicia, establécense nos seguintes documentos: Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas de ESO na Comunidade Autónoma de Galicia. (DOG 13 de xullo) e Decreto126/2008 do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación do currículo de bacharelato. (DOG 23 de xuño)
    Ambos aparecen citados na introdución da programación, aínda que segundo nós, deberían aparecer novamente como fontes do apartado de obxectivos. Tamén pensamos que os obxectivos xerais de etapa, establecidos pola LOE, deberían ter un lugar neste apartado.
    Porén, a relación obxectivos-contidos das unidades didácticas si aparece ben explicadas. Primeiro de forma xeral, describindo os bloques de contidos e os seus obxectivos, e despois, de forma concreta mediante a súa división en táboas segundo o que abarca cada unidade.

    7. Contidos: O apartado de contidos, de fontes principalmente didácticas e epistemolóxicas, presenta unha subdivisión que pensamos é bastante útil. A primeira parte, como xa se mencionou antes, presenta os bloques de contidos e os obxectivos que se queren acadar en cada un de forma xenérica. Na segunda parte, atopamos a división concreta de contidos (en relación cos obxectivos e competencias a acadar) segundo as unidades didácticas que se van traballar ao longo de cada curso. Pensamos que esta segunda parte é moi visual pola súa presentación en táboas, e tamén directa e de fácil aplicación, xa que toma como referencia o libro que vai servir de fío condutor do curso. Por isto, é fácil consultala e comprendela.

    7.1 Contidos transversais: Entendemos que o apartado de contidos non quedaría completo sen o aquel adicado á Educación en Valores. Nel reflíctese de forma xenérica a contribución que a materia de inglés fai de forma transversal a outras materias e áreas do currículo, así como a outras actividades do centro. Esta contribución especifícase na descrición das diferentes unidades didácticas.
          Tamén neste sentido cremos que é moi interesante mencionar o apartado do Proxecto Lector xa que describe diversas propostas que, baseadas na lectura, non soamente axudan á consecución de obxectivos da materia de inglés, senón que traballan, de novo de forma transversal, outras competencias e aspectos do currículo. Todo reforzado por aquelas propostas recollidas no apartado de Actividades Complementarias: concursos, programas de inmersión lingüística, participación na revista escolar, etc.

    8. Avaliación: Nesta programación didáctica adícanselle os seguintes seis apartados á avaliación:

    8.1 Criterios de avaliación: este apartado divídese por cursos (excepto o Bacharelato, onde se seguirán os mesmos criterios para primeiro e para segundo) e especifícase que criterios se deberán seguir á hora de avaliar en cada un deses cursos. Entre os criterios de primeiro da ESO inclúense referencias implícitas ás catro destrezas, ademais de á competencia en comunicación lingüística, ao tratamento da información e a competencia dixital, á competencia para aprender a aprender, á competencia de autonomía e iniciativa persoal e á interculturalidade.
    Dende o noso punto de vista, este apartado cumpre co que se espera del e non atopamos ningún aspecto nel que nos parecese importante mellorar.

    8.2 Mínimos esixibles: neste apartado lístanse, tamén agrupados por cursos, os coñecementos mínimos que deberá ter un alumno nun determinado curso para poder acadar un 5 na súa nota final. Ao comezo deste apartado especifícase que se tratan dos mínimos acordados polo departamento, que cada profesor poderá amplialos seguindo o seu criterio e que deberállelos explicar aos seus alumnos ao comezo do curso. En cada lista especifícase o libro de texto que se seguirá no curso correspodente e os mínmos esixibles aparecen organizados en catro bloques: gramática, vocabularío, expresión escrita e expresión oral.
    Ao igual que no caso anterior, pensamos que este apartado recolle toda a información que debería.

    8.3 Procedementos e instrumentos de avaliación: este apartado divídese en dous epígrafes (Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato) nos que se especifican os procedementos e os instrumentos que se empregarán para avaliar. No caso da ESO, parecéronnos bastante diversos, o que favorece a avaliación de todas as competencias e destrezas e fai que nos poidamos asegurar da verdadeira aprendizaxe dos alumnos. Antes de comezar a enumerar os instrumentos indícase que se escollerán sempre os máis axeitados para o nivel da clase, unha indicación que tamén nos pareceu moi acertada para o bo funcionamento o grupo-aula.

    8.4 Procedementos para a avaliación inicial: este apartado só vai dirixido a primeiro da ESO e nel especifícase que ao comezo do primeiro trimestre deberánselles facer unha serie de probas aos alumnos para detectar o seu nivel inicial e os casos nos que poden ser necesarias medidas de recuperación e reforzo. Estas probas non serán cualificadas, pero as profesoras deberán recoller os resultados e as observacións feitas durante ese período no caderno de notas. Tamén se fai unha breve explicación de que procedementos se deberán seguir cos alumnos que necesiten recuperación ou reforzo e sobre como reciben a información que proporcionan estas probas os titores dos niveis superiores, que será a través dos titores dos cursos anteriores. Este pareceunos un apartado moi interesante e importante para os docentes, que en moitos casos non aparece recollido nas programación didácticas.

    8.5 Criterios de cualificación: este tamén se divide en dous epígrafes, un referente á ESO e outro ao Bacharelato. No bloque da ESO di que a nota de cada avaliación obterase, nun 20%, cos exercicios, actitude e asistencia regular e puntual á clase; e, nun 80%, cas notas obtidas nas dúas probas trimestrais e nas probas sobre as lecturas obrigatorias. En canto á nota final, obterase tendo en conta as tres avaliacións, pero terá máis importancia a última. Dende o noso punto de vista, neste apartado dáselle demasiada importancia ás probas ou exames, co que se corre o risco de que os alumnos só estudien para o exame e o sistema de avaliación non sexa fiable, é dicir, que o resultado final non se corresponda co que realmente aprenderon os alumnos.

    8.6 Plans de traballo para a superación do inglés pendente: neste apartado explícanse cando e como se levarán a cabo as probas de recuperación da materia de inglés e os criterios específicos que se seguirán para a súa corrección. Ademais, infórmase de que se impartirán unhas clases da materia polas tardes para o alumnado que a ten pendente e aquel que necesitan algún tipo de reforzo; o que nos parece unha moi boa inciativa.
    En canto á estruturación, cremos que os aspectos da avaliación quedarían máis claros se todos estes fosen subapartados incluídos nun apartado seis que levase o nome de avaliación; ademais, agora falando de cada apartado en particular, o 8.1, o 8.2, o 8.4 e o 8.6 son bastante claros, pero no 8.3 e no 8.5 deberíase facer unha descrición detallada por cursos coma no caso dos criterios de avaliación.

    9. Unidades didácticas: nesta programación o único que se inclúe respecto ás unidades didácticas é un apartado co nome de «Temporalización» na que se especifican as unidades dos libros de texto que se deberán impartir en cada trimestre. Tamén se aclara que esa táboa é orientativa e que cada profesor/a poderá alterar a orde e engadir novo material se o cre oportuno. 
    Inclúese outro apartado, xa comentado cando falamos dos contidos, tamén relacionado coas actividades  («19.Actividades complementarias e extraescolares») no que se inclúen unha serie de iniciativas relacionadas co inglés que propón o centro, e actividades complementarias ao traballo da clase, tamén relacionadas coa materia, que fomentan.
    Pensamos que a información sobre as unidades didácticas é insuficiente nesta programación. Ao deixarse tanta liberdade aos profesores á hora de planificar as actividades, pareceríanos interesante que e incluíra un resumo de cada unidade didáctica para poder ter unha idea de en que vai consistir cada curso.Tamén se observa nestes apartados a influencia das distintas normativas sobre o currículo como fontes didácticas.

Ata aquí chega a nosa reflexión sobre esta programación didáctica. Dende o meu punto de vista, esta análise serviunos para interiorizar mellor a estrutura e os diferentes aspectos que deberá conter calquera programación didáctica. Vós que aprendéstedes, ou a que reflexións xerais chegástedes tras realizar esta actividade?


Ata a próxima!

Ningún comentario:

Publicar un comentario