mércores, 4 de febreiro de 2015

Que nos ofrece a UE?

Bo día a tod@s!


Hoxe exporeivos as miñas impresións sobre o tema 11, adicado aos programas e recursos europeos destinados á educación.



Durante a explicación de Gonzalo coñecemos bastante a fondo os aspectos que nos podían interesar do programa Erasmus+, ademais de algúns outros recursos europeos dos que poderemos botar man como docentes.

Erasmus+ trátase dun programa europeo para educación, formación e xuventude que estará vixente do 2014 ao 2020. A Unión Europea, a través deste programa, pretende crear un forte vínculo entre os anteriores tres campos e simplificar a estrutura dos programas destinados aos ditos campos, que ata o 2014, se dividían en Comenius, Erasmus, Erasmus mundus, Xuventude en acción, ... agrupándoos todos baixo o non me Erasmus+. Ademais pretende renovar algúns aspectos como a educación, a formación de profesionais ou a cooperación no ámbito da xuventude, para responder ás novas necesidades dos países da UE.

Este programa divídese en tres accións chave, sendo as máis interesantes para nós a KA1 e a KA2. A primeira recibe o nome de «Acción chave 1: movilidade para a aprendizaxe» e permite a movilidade do persoal dos tres «sectores» aos que vai dirixidos este programa. Deberase solicitar presentando un proxecto de movilidade para un ou dous anos e contempla axudas para a viaxe, o aloxamento e manutención, a matrícula, a organización do proxecto e a formación lingüística. Esta acción chave tamén contén un apartado especial para a FP no que inclúe a movilidade de alumnado e profesorado de FP.





A outra acción chave que nos interesa é a KA2 «Cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas». Esta acción chave pretende aumentar a importancia da aprendizaxe nos campos da educación e formación, reforzar os vínculos entre a educación/formación e o mundo laboral, promover a innovación na educación, ... Para acollerse a este programa necesítase a unión de polo menos tres institucións de tres países distintos. Tamén contempla actividades de movilidade tanto do persoal como do alumnado da ESO, proporcionando axudas para o transporte e para a estancia. A solicitude tamén se deberá presentar xunto cun proxecto no que xa se inclúan as institucións dos tres países, polo que terá que ser o primeiro promotor do proxecto o que se poña en contacto co resto de socios. 

Outros programas europeos nos que nos detivemos menos na clase, pero que tamén poden ser interesantes para nós son:

-Programa Pestalozzi do Consello Europeo
-Selo Europeo das Linguas
-Portfolio Europeo das Linguas
-Europass
-Proxecto de Linguas do Centro

(Premendo en cada un deles accederedes á información sobre o programa en custión que podemos atopar na web da OAPPE, agora SEPIE)

Pasando xa ás exposicións deste tema, as nosas compañeiras Marta e Sabela faláronnos do programa eTwinning e dun exemplo de como podemos sacar proveito destes programas europeos nos nosos futuros institutos. 

Marta comezou explicándonos que o programa eTwinning, integrado en Erasmus+ , busca irmandamentos escolares e proxectos de colaboración entre os países eurpeos a través de internet e que se poden acoller a el tanto centros de infantil e primaria como de secundaria. Este programa pretende crear traballos de colaboración entre dous ou máis centros de dous ou máis países que se comunicarán a través de ferramentas TIC; para iso, o primeiro paso será rexistrarse na web eTwinning, a continuación buscar outro profesor (necesariamente doutro país) co que facer o proxecto, aprobalo e... xa se poden xuntar máis profesores.

Algúns dos  benefecios que nos resaltou Marta deste programa son: o emprego das Tic, a práctica da lingua estranxeira nun contexto real, a colaboración entre persoas (alumnos e profesores) de distintas culturas pero cos memsmos intereses,... Ademais ofrécenos na súa web asesoramento e formación para poder levar a cabo o proxecto, e a través do seu selo recoñecemento e visibilidade. Como proba, ao final da súa presentación, mostrounos algúns exemplo reais moi inspiradores, como un traballo a cerca do Camiño de Santiago que rematou cuunha visita a Galicia dos alumnos do outro país.



Por outra banda, Sabela mostrounos un caso real dun proxecto acollido a un programa deste tipo que nos serviu para decatarnos da importancia e do gran proveito que lles podemos sacar. O exemplo trátase dun proxecto educativo de linguas para estudantes da ESO que recibe o nome de PopuLLar (con web propia) e que ten como obxectivo introducir a música como ferramenta de aprendizaxe e darlle importancia ás linguas secundarias. En PopuLLar o profesor leva a cabo o papel de guía (para o que primeiro el mesmo se deberá  preparar cunha guía do profesor moi completa que atopará na web) comezando pola presentación do proxecto aos estudantes que despois deberán crear os grupos para elaborar unha canción en lingua estranxeira e gravala con música e voz en directo. Con este proxecto, ademais de conseguir unha gran motivación por parte do alumnado, tamén se fomenta a competencia social co plus  de compoñente intercultural que lle engade a música.



Como xa vos daríades conta, esta entrada non ten moito de persoal nin de reflexións, o que se debe a que considero que o máis importante deste tema non son as reflexións ás que nos poida levar, senón quedarnos coa máxima información posible, ou cos diferentes sitios nos que a poidamos atopar con facilidade para cando queiramos botar man destes útiles e moi interesantes programas que, como nos demostraron Marta e Sabela nas súas exposicións, poden dar moi bos resultados nas aulas sabéndoos expremer ben.

Ata a próxima!

Ningún comentario:

Publicar un comentario