venres, 6 de febreiro de 2015

Algo de moitivación, aptitude e multicompetencia antes de comezar coas prácticas

Ola a tod@s!
Salut à tous!
Hi everyone!
¡Hola a tod@s!


Hoxe toca falar do último dos temas que tratamos con Gonzalo «Tema 12: motivación, aptitude e multicompetencia». A continuación exporeivos os puntos da sesión que para min foron máis interesantes e que máis me fixeron pensar.


Ao comezo da explicación de Gonzalo descubrimos que a motivación  é unha cuestión de calidade e non de cantidade; que é social, polo tanto o contexto si que vai influír na motivación dos nosos alumnos e que non pode definir por completo o rendemento pero si que ten bastante importancia neste aspecto. Na primeira parte do tema tamén descubrimos formas de solventar as diferencias de motivación entre o alumnodo como por exemplo: fomentar o respeto intercultural, ceder control sobre a aprendizaxe aos estudantes, facer correccións e comentarios positivos, coñecer mellor aos estudantes e as súas metas, deversificar as nosas clases (variedade de actividades, de metodoloxía, ...), ... Por último, no tocante á motivación, coñecemos os catro mandamentos de Dörney: crear as condicións básicas motivadoras, animar á autoavalicación, xerar a motivación inicial e manter e protexer esa motivación. 

O seguinte aspecto que tratamos foi o da aptitude. Nesta segunda parte da clase desmontamos o mito do «don de linguas» e descubrimos as realidades que demostraron os investigadores, segundo os cales a aptitude é un aspecto multidimensional no que teñen grande importancia a memoria e a capacidade analítica. Neste tema tamén chegamos á conclusión de que a mellor forma de paliar as diferenzas de aptitude entre os nosos alumnos é aplicar en cada caso o método que mellor se adapte ao perfil específico de cada estudante, polo que, outra vez, será importante coñecer ben aos nosos alumnos.


Como última parte da explicación, Gonzalo falounos da multicompetencia, teoría que baixa do seu pedestal ao falante nativo monolingüe e sube ao falante bilingüe, demostrando que estes contan cun repertorio lingüístico maior, con máis habilidades e coñecementos lingüísticos en xeral e con máis vantaxes cognitivas. Tamén nos concienciamos de que acadar a competencia nunha L2 dun nativo desa mesma lingua é practicamente imposible, polo que debemos propoñerlles outros obxectivos máis reais aos nosos alumnos.

As exposicións deste tema viñeron das máns das nosas compañeiras Elisa, Adriana e Violeta.

  • Elisa falounos un pouco máis da teoría da multicompetencia, remarcando outra vez a idea que defende a dita teoría de que o falante nativo monolingüe non é un modelo para os aprendices dunha L2, xa que a un estudante de L2 seralle imposible acadar ese nivel, ademais das vantaxes que, respecto á aprendizaxe de linguas conleva o feito de coñecer máis dunha lingua. Elisa falounos tamén doutras ideas que defende esta teoría, como a de botar man da L1 no ensino da L2 ou da necesidade da reformulación dos libros de texto.

A miña opinión respecto á teoría da multicompetencia é que está no certo no de que non debemos aspirar a acadar un nivel nativo nunha L2, xa que a forma de aprender unha L1 e unha L2 é moi distinta e polo tanto é moi difícil que se obteñan os mesmos resultados, principalmente porque a L1 apréndese no mellor momento para a aprendizaxe dunha lingua. En canto á introdución da L1 no ensino da L2, non estou de acordo se se refire a falar a L1 nas clases de L2 para facilitar as explicacións, pero si que se pode botar man dela, como falamos en clase, para regras mnemotécnicas ou para aproveitar parecidos ou aspectos que relacionen a L1 coa L2 e que lle faciliten ao alumno a aprendizaxe da dita L2. En relación con esta exposición gustaríame salientar un último comentario que xurdiu no debate: os profesores non nativos dunha L2 temos unha moi boa vantaxe que nos diferencia dos nativos, e é o feito de que nós pasamos polo mesmo proceso de aprendizaxe ca os alumnos e os nativos adquiriron esa mesma lingua mediante outro proceso, polo que nós poderemos entender mellor aos nosos alumnos e axudarlles en dificultades que igual o nativo non detecta.

As dúas últimas exposicións non estaban moi relacionados co tema 12 pero serviron para tocar outros contidos que non daba tempo a tratar nas explicacións: as de probas de nivel ou avaliación inicial, das que nos falou Adriana e das probas de certificación de nivel en idiomas, das que nos falou Violeta. 

  • Destas dúas exposicións pareceume interesante comparar as diferentes necesidades e polo tanto as diferentes características destes dous tipos de probas de nivel, xa que as probas das que nos falou Adriana foron unhas probas de acceso a dúas universidades que servían para saber o nivel dos alumnos e poder recomendarlles clases de reforzo a aqueles que as necesitaban ou que tiñan un nivel inferior á media, mentres que Violeta falounos de probas que necesitan un maior nivel de fiabilidade, xa que ao superalas os examinados reciben unha certificación de nivel. Por iso as segundas necesitan de criteiros comúns para os examinadores, o que para as probas da exposición de Adriana é recomendable, pero non estritamente necesario para que poidan cumprir a súa función; as probas das que nos falou Violeta tamén necesitan dunha parte de expresión oral que nas probas de acceso ás universidades das que nos falou Adriana non se realizaban; as probas para a certificación deben seguir o MCRE, mentres que as de nivel non, ... e así moitas máis diferenzas, aínda que en esencia poidan parecer o mesmo: unhas probas para determinar o nivel dunha persoa nun idioma, xeralmente estranxeiro. 
E con esta entrada despido a parte teórica do máster e tamén me despido da maioría das lectoras deste Blog. Moitas gracias por ter compartido conmigo as vosas ideas, esperiencias, reflexións, ... e espero que as miñas entradas tamén vos aportasen algo novo. Moito ánimo coas prácticas e o TFM e espero que todos os vosos proxectos de futuro saian adiante. Eu continuarei escribindo entradas sobre a miña experiencia nas práctias así que se queredes podedelo seguir visitando de vez en cando. 


Saúdos, 

Alicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario