mércores, 28 de xaneiro de 2015

Toma de conciencia, apropiación, autonomía e a destreza da expresión oral

Bo día a tod@s!


Hoxe toca falar do «Tema 9: O ensino da expresión oral». Este tema comezámolo cun pequeno exercicio que nos fixo darnos conta de que existe un elemento imprescindible en calquera actividade de debate ou discusión sobre un tema, e este elemento é a confrontación de ideas. Se todos os alumnos pensan igual sobre o tema que se lles propón non funcionará a actividade, polo que deberemos asignarlles nós o punto de vista que defenderá cada un.




Os exercicios que seguiron ao anterior servíronnos para reflexionar sobre os tipos de actividades para a práctica desta destreza atendendo ao obxectivo destas (actividades para practicar a fluidez ou para practicar estructuras ou estratexias propias a lingua oral).

Outro aspecto que se tratou na sesión e que me pareceu interesante foi o das dificultades que acarrea esta destreza para o alumno, que poden estar relacionadas co non coñecemento dos aspectos da lingua que facilitan a expresión ou coa falta de automatización dos ditos coñecementos o que conleva unha falta e fluidez. Ademais, estes poden derivar en falta de confianza e en inseguridade, o que tamén leva a problemas de fluidez. 
Para paliar as anteriores dificultades existen varios tipos de estratexias como son as de comunicación e as discursivas, pero deberase ter coidado co exceso de confianza nelas, xa que isto pode levar á fosiliación da interlingua, é dicir, dunha lingua que servirá para facer chegar a mensaxe, ou unha aproximación, ao receptor, pero que non é a L2, xa que contén erros gramaticas, de vocabulario, ...


Nas exposicións deste tema, Cristina, Laura e eu, falamos das tres fases para o domino dunha destreza, por suposto, centrándonos na expresión oral. As ditas fases son tres e poden recibir diferente denominación segundo a corrente educativa, pero a primeira sempre será unha fase de toma de concienza, a segunda de práctica ou apropiación e a terceira de autonomía, autorregulación ou produción. 

Cristina falounos da primeira fase. A súa presentación, a min persoalmente, serviume para entender que a fase de concienciación consiste en atender para darse conta e logo comprender. Nesta fase, o papel do profesor consiste en conseguir a atención e a concentración dos alumnos, e o dos alumnos en darse conta das lagoas de coñecemento dos seus compañeiros e das súas propias. A exposición de Cristina levou tamén ao debate sobre que textos pensamos que son mellores para o ensino desta destreza: os modificados ou os reais. Dende o meu punto de vista o mellor é empregar os dous tipos; os modificados serven para que os alumnos fixen unha lingua correcta e son máis fáciles de adaptar a determinadas actividades, mentres que os textos reais cumpren un dos requisitos máis importantes para a aprendizaxe dunha lingua: preparar aos alumnos para a vida real.   

En canto á miña exposición (Appropiation Activities), tratou sobre a segunda fase, que consiste principalmente na práctica da destreza, neste caso, de expresión oral. Os autores do artigo defendían que ao principio desta fase a práctica deberase realizar cun apoio ou axuda que se deberá ir retirando pouco a pouco ata que o alumnoa xa conseguira o suficiente grao de apropiación como para poder realizar a práctica sen esa axuda. Tamén defenden, neste capítulo do libro, que non se debe fuxir dos erros á hora de practicar. Para expresar esa idea sustitúen o termo práctica controlada (controlled practice) polo termo control practicado (practised control). Por último, expliquei a gran variedade de actividades para a práctica desta destreza que se nos propoñen no artigo; actividades que, dende o meu punto de vista, van dun enfoque tradicional que se centra demasiado noutras destrezas como a produción escrita a un enfoque xa maís actual e comunicativo cara o que eu prefiriría dirixir as miñas clases.

Laura foi a encargarda de falar da última das fases, a autonomía. Coa súa exposición reflexionamos sobre este concepto, que consiste en non precisar doutros para comunicarse, e sobre como as actividades de Speaking fomentan a dita autonmía mediante a representación dunha situación real. Tamén volveu xurdir o debate sobre cando proporcionarlles aos alumnos o feedback para que este sexa máis efectivo; o autor do artigo recomendaba non abusar, xa que pode reducir a autonomía do alumno, e nunca interromper, porque isto prexudicaría o control e a fluidez do alumno; por outra banda, na clase chegamos á conclusión de que o momento no que é máis efectivo o feedback vai depender sempre das características específicas do alumno e da situación. Ademais, xurdiu a idea dos diferentes matices que poden ter os verbos equivocarse (o alumno poderase autocorrixir, porque si que conta con ese coñecemento) e errar (provocado por lagoas de coñecemento dos alumnos,  polo que si que vai necesitar da nosa corrección). Por último, Laura, explicounos unhas cantas actividades de Speaking que propuña este autor no artigo para fomentar a autonomía nos nosos alumnos e alumnas.


E ata aquí chegan as impresións coas que me quedei tras as actividades, explicación e exposicións do Tema 9. Espero que vos aporten algo novo. 

Ata a próxima!

Ningún comentario:

Publicar un comentario